Consciente que a poboación con patoloxías crónicas ten un índice de suicidio maior, dende a Federación Alcer Galicia organizouse unha formación que impartiu o psicólogo clínico do programa de prevención do suicidio da área sanitaria de Ferrol, Manuel Bouzas.
Participaron un total de 18 profesionais, entre elas psicólogas e traballadoras sociais das diferentes entidades que forman parte de Alcer de Galicia, así como persoal de enfermería de diálise. Nesta sesión formativa, de catro horas de duración, tratouse de facilitar instrumentos e ferramentas de apoio para incrementar a percepción e a activación de recursos para a prevención das condutas suicidas.
O obradoiro levouse a cabo da sede da Federación na Casa de Benestar Social de Santiago. A Federación Alcer Galicia engloba ao conxunto de asociacións de Loita Contra as Enfermidades do Ril Alcer da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra, que teñen por obxecto mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade renal crónica.