Entidades que forman parte da Federación Discafis COGAMI de Ourense mantiveron un encontro con estudantes de 3º curso da Escola de Enfermería para amosarlles a estas e estes futuros profesionais, como se desenvolve o movemento asociativo e a importancia que ten para as persoas pacientes.
O salón de actos da entidade Aixiña acolleu este encontro que estivo organizado e promovido por Discafis COGAMI e o Departamento de Humanización da área Sanitaria de Ourense. Ante unha asistencia de 50 estudantes, o obxectivo desta xornada foi que estas e estes futuros profesionais coñezan o tecido asociativo sociosanitario para que, ao longo das súas carreiras, poidan informar da súa existencia a pacientes, como un recurso ao que poden dirixirse, de xeito que tamén se humaniza a sanidade.
Entre as entidades asistentes estaban representantes de Aixiña, Aler Ourense, Aodemper, AFFOU, ACCU Ourense, ASOTRAME, AGL, AGADHEMO, AGAL e Fibrose Quística de Galicia. Explicaron os servizos que ofrecen de atención a pacientes de xeito integral e individualizado, do alcance como entidades de interese social e da programación de actividades para este período.