• Novas
  • 13 de marzo de 2019

ACADAR presenta no IES Laxeiro de Lalín unha guía sobre violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade

ACADAR presenta no IES Laxeiro de Lalín unha guía sobre violencia sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade

A Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) presenta no IES Laxeiro de Lalín a guía Violencia Sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade, un estudo que pretende dar visibilidade ás distintas realidades que viven as mulleres e nenas con discapacidade.

Ante un aforo formado por alumnado dos cursos de 3º e 4º da ESO, dende ACADAR perciben a necesidade de presentar esta publicación nos centros educativos de secundaria porque comprenden idades que precisan de impulso para concienciarse desta realidade e posicionarse, dende idade temperá, como axentes de cambio ante esta violencia sexual.

Na presentación de Violencia Sexual cara ás nenas e mulleres con discapacidade estarán a Secretaria Xeral de Igualdade e a Presidenta de ACADAR. Trala presentación, haberá a representación dunha performance realizada pola artista Mónica Mura e unha exposición das fotos recollidas na guía e realizadas pola artista.

A guía, financiada pola Secretaría Xeral de Igualdade e o Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, foi editada por ACADAR en 2018 coa idea de darlle continuidade a unha primeira guía editada en 2015,Violencia contra as mulleres con discapacidade. Ver e recoñecer os sinais. Este material é froito dun traballo directo realizado con mulleres e nenas con discapacidade participantes no proxecto Descubre a Nosa Realidade! para darlles visibilidade e poder coñecer as distintas realidades que viven.

Tras esta presentación da guía en Lalín, haberá outras en centros educativos que forman parte do programa Por 365 días de Respecto e Igualdade da Xunta de Galicia, sendo nas datas:  20 de marzo no CIFP Portovello de Ourense e o 22 de marzo no IES Río Cabe de Monforte. Con estas xornadas preténdese erradicar as violencias exercidas na sociedade e, sobre todo, das exercidas contra as mulleres con discapacidade.