• Novas
  • 19 de septiembre de 2018

Aínda quedan prazas vacantes nos cursos de profesional de limpeza que COGAMI iniciará en Vigo e Pontevedra

Aínda quedan prazas vacantes nos cursos de profesional de limpeza que COGAMI iniciará en Vigo e Pontevedra


COGAMI ten programados para finais do mes de setembro o inicio de dous cursos de formación que se van impartir en Pontevedra e Vigo.

O primeiro que inicia o luns 24 de setembro nas instalacións que ten en Vigo (rúa Teixugueiras, nº15, baixo) é de Profesional de limpeza de superficies e mobiliario en edificios e locais dirixido a persoas que teñen certificado de discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.

Esta acción formativa, con duración de 160 horas lectivas teóricas e prácticas, impartirase durante as mañás de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ata o 8 de novembro, estando dividida nos seguintes módulos: técnicas básicas de limpeza, limpeza de mobiliario interior, camareira/o de pisos, limpeza de espazos abertos, de instalacións e equipamentos industriais e mantemento básico de edificios e locais.

O número total de prazas é de 15, quedando aínda vacantes para aquelas persoas que poidan estar interesadas en participar. Tamén son 15 as prazas e aínda están sen cubrir na súa totalidade a acción formativa que inicia en Pontevedra o 17 de outubro nas instalacións de ARA Formación (Rúa Nova de Arriba, 1) un curso de Profesional de limpeza de superficies, locais comerciais e limpeza hospitalaria dirixido a persoas que teñen certificado de discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para profesión habitual.

Esta acción formativa, con duración de 220 horas lectivas teóricas e prácticas, impartirase durante as mañás de luns a venres en horario de 9 a 14 horas ata o 19 de decembro, estando dividida nos seguintes módulos: técnicas básicas de limpeza, limpeza de mobiliario interior, camareira/o de pisos, limpeza de espazos abertos, instalacións e equipamentos industriais e mantemento básico de edificios e locais ademais de  técnicas de limpeza hospitalaria.

As dúas formación forman parte do programa de inserción laboral Máis Emprego que financia Fundación Bancaria “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, un programa que se desenvolve nas comarcas de O Salnés, Pontevedra e Vigo, co fin de dotar de competencias necesarias ás persoas con discapacidade de cara á inserción laboral.

Máis Emprego proporciónalle ao alumnado destrezas profesionais que lle permiten un rendemento competitivo no mercado laboral ademais de desenvolver habilidades persoais para a súa participación social. Desde que iniciou este programa en 2017, xa son 100 as persoas que lograron inserirse tras pasar por Máis Emprego.