A entidade membro de COGAMI, a delegación da Coordinadora Nacional de Artritis en Santiago de Compostela (ConArtritis-Santiago), conta cun programa de información e asistencia especializado para as persoas con artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil e espondiloartrite.
Este programa de promoción de autonomía persoal preséntase como un recurso de referencia para convivir mellor coa artrite tralo diagnóstico, no que se ofrece información e asesoría sobre diferentes temas socio-sanitarios fóra da consulta de reumatoloxía. Trátase, por tanto, dun recurso de gran valor debido a que hai moitos aspectos sociais, laborais, psicolóxicos e/o educativos que afectan á vida de quen ten enfermidades reumáticas inmunomediadas que non son tratadas en consulta e que, con todo, son esenciais para mellorar a súa calidade de vida.
Un punto de escoita
ConArtritis-Santiago conta coa experiencia de programas similares dende o 2020 e máis do 80% destas atencións foron realizadas a mulleres, tendo máis prevalencia as que teñen artrite reumatoide. As temáticas tratadas nestas atencións están relacionadas cos síntomas das enfermidades, cos tratamentos que se empregan para o seu control e as xestións necesarias para solicitar o certificado de discapacidade ou de incapacidade laboral a través da Seguridade Social. Ademais de resolver dúbidas, o programa é un punto de escoita para as persoas que contactan, onde poden trasladar e expresar os medos e inquedanzas, ademais de sentírense apoiadas polas persoas que as entenden.
Para que ConArtritis-Santiago poida ofrecer este programa, conta co cofinanciamento de 10.000 euros procedentes da Xunta de Galicia a través da subvención para a execución de programas de interese xeral con fins sociais, con cargo á dotación fiscal do 0,7% do IRPF, daquelas persoas contribuíntes que marcaron a X Solidaria na declaración da renda.
Programación de charlas e talleres
Dende este Programa de promoción de autonomía persoal organízanse tamén actividades de interese para as persoas con enfermidades reumáticas inmunomediadas. Hai programados para este ano talleres centrados na alimentación consciente e charlas que contan co apoio de profesionais de reumatoloxía e con profesionais sanitarios e socio-sanitarios especializados a quen os asistentes poden expoñer todas as súas dúbidas.