• Novas
  • 28 de mayo de 2018

COGAMI celebra en Santiago a asemblea en compañía Conselleiro de Política Social

COGAMI celebra en Santiago a asemblea en compañía Conselleiro de Política Social

O movemento asociativo de COGAMI reuniuse en Santiago para conmemorar a XXVIII Asemblea Xeral Ordinaria, un encontro no que se presentaron as actividades desenvolvidas o ano pasado xunto cos resultados e tamén, anunciáronse os retos nos que a Organización está inmersa durante este ano.

O acto de inauguración contou coa presenza do conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, quen destacou de COGAMI tanto o labor da Organización como o apoio obtido por parte da Administración Autonómica. En palabras de Rey Varela “a Xunta incrementou nun 5% o convenio de colaboración, o que garante a blindaxe do financiamento ás entidades que actúan na procura da mellora da calidade de vida e plena inclusión das persoas con discapacidade”. No caso de COGAMI, a inversión ascende este ano a 993.312 euros dos que se beneficiarán máis de 32.000 persoas.

O presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, apuntou que 2017 foi un ano “con sobresaltos, pero con bo final”, dixo. No seu discurso de inauguración explicou que agora vai ser a Xunta quen se encargue de distribuír os cartos que chegan do IRPF, “unha fonte de financiamento esencial para nós”, indicaba Anxo, “o ano pasado beneficiáronse máis de 26.000 persoas con discapacidade dos 99 proxectos executados a nivel nacional e con 500 postos de traballo creados”.

Outro logro alcanzado en 2017 ao que Queiruga fixo referencia, foi a diferenciación entre centros especiais de emprego de iniciativa social e os de iniciativa privada, unha diferenza que tamén contempla a nova lei de contratación aprobada recentemente polo goberno estatal.

Aproveitando a presenza do Conselleiro de Política Social, Anxo fixo tamén fincapé en que aínda non se cumpre a Lei de Accesibilidade que tiña como data límite o 4 de decembro; ou a falta de vontade de modificar a Lei de Propiedade Horizontal, para que as persoas non vivan encarceradas nas casas e tamén falou da necesidade de conseguir un baremo de valoración do grao de discapacidade que responda á discapacidade orgánica ou con enfermidades que non son recoñecidas actualmente. Tamén, o Presidente de COGAMI aproveitou para felicitar a incorporación de máis medios para valorar e minguar as listas de espera.

A asistencia persoal e o incremento do importe que a Administración concede para facilitarlles máis autonomía ás persoas así como o aumento de prazas nos centros de recursos, sendo 33 máis en 2017, son dous temas tamén abordados durante a XXVIII Asemblea Xeral Ordinaria de COGAMI.