• Novas
  • 04 de agosto de 2023

COGAMI e o Concello de Ferrol únense para apoiar a inserción laboral de persoas con discapacidade

COGAMI e o Concello de Ferrol únense para apoiar a inserción laboral de persoas con discapacidade

O Alcalde de Ferrol, José Manuel Rey Varela, e o presidente COGAMI, Anxo Queiruga, asinaron un convenio de colaboración para promover a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado de traballo das persoas con discapacidade.

Mediante este convenio, a través dunha subvención nominativa do orzamento de 2023, ambos organismos establecen as bases de colaboración para financiar o Servizo de Intermediación, Orientación e Prospección de Emprego que desenvolve COGAMI, no que un grupo multidisciplinar de profesionais en orientación laboral e axentes de emprego informa, orienta e asesora ás persoas con discapacidade durante o proceso de busca de emprego.

O Concello de Ferrol apoia dende o ano 2011 o servizo de emprego de COGAMI, incrementado durante o exercicio actual o importe, pasando de 10.000 a 15.000 euros. Mediante este convenio, ambas partes establecen as bases de colaboración para financiar este servizo “que nos achega ao obxectivo da plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade”, asegurou Rey Varela. O rexedor destacou a relevancia de poder acceder ao mercado de traballo “en función das nosas diferentes capacidades, sen que ningunha delas sexa excluínte polo mero feito de estar tipificada ou considerada discapacidade”.

Pola súa banda, Anxo Queiruga apuntaba que “é necesario que os organismos públicos se impliquen a favor da inclusión das persoas con discapacidade, como hoxe agradecemos ao Concello de Ferrol”.

Actualmente, están inscritas como demandantes de emprego 2.078 persoas con discapacidade na oficina de Ferrol, o 54% homes e o 46% mulleres, das que 733 están empadroadas no concello de Ferrol. Durante este ano incorporáronse a esta base de datos 29 persoas novas e, con data a 31 de xullo, inseríronse 128 persoas a través deste servizo, case a metade a través de ofertas de emprego que foron trasladadas polo sector empresarial a COGAMI.

Outro servizo que ofrece a Confederación na cidade é formación orientada cara ao emprego, como os 4 cursos impartidos este ano nos que se formaron 54 persoas, 17 destas do Concello de Ferrol, das que 43 das persoas formadas realizaron prácticas en empresas da zona. Ata o de agora, 5 persoas foron contratadas nas propias empresas onde realizaron as prácticas. En palabras de Queiruga “agradecemos a implicación do empresariado da comarca de Ferrolterra que aposta pola contratación de persoas con discapacidade e tamén por ofrecer a posibilidade de que a xente que formamos poida realizar prácticas nas súas empresas, podendo ser unha oportunidade para a contratación, como vemos nestes 5 casos de persoas que foron contratadas”.

Outros dos servizos que a Confederación Galega de Persoas con Discapacidade ofrece na comarca son de información, asesoramento e orientación; intervencións dirixidas a persoas do ámbito rural, ás mulleres e atención a menores; promoción do lecer a través do desenvolvemento de actividades lúdicas e deportivas inclusivas, ademais de dispoñer dun servizo de asesoramento en accesibilidade universal. COGAMI conta tamén en Ferrol cun centro de día que presta servizos de fisioterapia, alfabetización, logopedia, terapia ocupacional a 12 persoas usuarias.

COGAMI tamén crea emprego a través de iniciativas de economía social que forman parte de COGAMI Empresarial, onde traballan máis de 30 persoas con discapacidade da comarca. Unha delas é Combina Social, de externalización de servizos, e a outra é Integratex, que forma parte do proxecto de Inditex For&From para a inclusión laboral, sendo o establecemento da marca Pull&Bear situado na rúa Real.