COGAMI inicia un curso de Alfabetización dixital que se imparte na aula CEMIT desta localidade lucense (Casa da Cultura. Rúa Marqués de Ugena s/n).
Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 100 horas lectivas que se imparten ata o día 1 de abril, en horario de 16 a 21 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Internet, Write e Cálculo.
O curso inicia con 12 persoas, 3 mulleres e 9 homes, con idades comprendidas entre os 41 e os 55 anos, que proceden dos concellos de Sarria. Láncara e O Incio. O obxectivo xeral desta acción formativa é adquirir os coñecementos básicos que lles permitan adquirir habilidades necesarias para desenvolverse con soltura na sociedade actual das tecnoloxías.
Para o alumnado participante, a principal motivación que o levou a inscribirse no curso foi o acadar coñecementos informáticos por considerar que son imprescindibles actualmente para poder desenvolverse no mercado laboral.
O alumnado, ao rematar o curso, adquirirá competencias como coñecementos teórico-prácticos básicos sobre o mundo da informática e o ordenador ademais de lle poida sacar o máximo partido ao ordenador a nivel usuario e saiba manexarse en operacións como envío de correo electrónicos, traballo con imaxes, textos, etc.
A maioría das persoas que forman parte do curso sempre traballaron nos sectores da construción, transporte e forestais. A metade delas teñen certificado de discapacidade e a outra metade teñen o certificado de incapacidade permanente total para profesión habitual, co que teñen que reciclarse e formarse para poder volver entrar no mercado laboral.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora 99 persoas inscritas actualmente na comarca de Sarria.