COGAMI inicia un curso de Xestión Almacén que se imparte no centro social do concello de Boiro, situado na rúa Manuel María, nº 1.
Esta formación, que financia a Consellería de Política Social e o Fondo Social Europeo, consta de 200 horas de teoría e práctica que se imparten ata o día 15 de abril, en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: informática, operacións auxiliares de almacenaxe, preparación de pedidos, carretilla elevadora, manipulación alimentos, ademais de 50 horas de prácticas non laborais que se imparten dende o 31 de marzo e ata o 15 de abril en empresas da zona que colaboran con COGAMI para a formación.
O curso inicia con 10 persoas, 1 muller e 9 homes, todas elas con certificado de discapacidade do 33% como mínimo, con idades comprendidas entre os 19 e os 60 anos, que proceden dos concellos Noia, A Pobra do Caramiñal, Ribeira, Boiro e Rianxo. O obxectivo xeral desta acción formativa é proporcionar ao alumnado o coñecemento das técnicas de almacenaxe, preparación de pedidos e utilización da carretilla elevadora
A maioría das persoas que forman parte do curso traballaron anteriormente en sectores diversos como transporte mercadorías, automoción, conserveiro, comercio e medio ambiente
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora con 464 persoas inscritas na comarca da Barbanza.