As instalacións que a asociación Agora ten en Monforte de Lemos (Polígono de Reboredo) acollen un curso de Informática básica que iniciou esta semana, financiado pola Consellería de Política Social e cofinanciado polo Fondo Social Europeo a través do programa Formación en habilidades para o emprego nas provincias de Ourense, Pontevedra e Lugo.
Esta acción formativa consta de 100 horas lectivas, polo que será impartida ata o día 14 de maio en horario de 9 a 14 horas, e está dividida nos seguintes módulos: Windows e Internet, Microsoft Word e Microsoft Excel.
O curso inicia con 11persoas (8 homes e 3 mulleres) que proceden do concello de Monforte. O obxectivo xeral desta acción formativa é coñecer a nivel usuario o funcionamento básico dun ordenador executando instrucións sobre as aplicacións máis comúns de ofimática e internet.
COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI, un servizo que conta arestora na súa base de datos con 153 persoas inscritas con discapacidade ou incapacidade laboral para profesión habitual do concello de Monforte de Lemos, 94 homes e 59 mulleres.