• Novas
  • 27 de abril de 2023

COGAMI inicia en Santiago un curso de xestión de residuos urbanos

COGAMI inicia en Santiago un curso de xestión de residuos urbanos

COGAMI vén de iniciar nas instalacións de Santiago de Compostela (Modesto Brocos, nº7, baixos) un curso de Operario de xestión de residuos urbanos no que se están a formar 8 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual procedentes dos concellos de Santiago, Boqueixón e Ames.

Esta formación está financiada por Fundación ONCE e o Fondo Social Europeo dentro da convocatoria de axudas económicas a proxectos de reforzo da empregabilidade de persoas con discapacidade no marco do programa operativo de inclusión social e economía social POISES 2022-2023.

A través de formacións como esta, preténdese dar resposta a unha demanda real de profesionais que poidan entrar a formar parte do cadro de persoal de Coregal, centro especial de emprego que forma parte de COGAMI Empresarial que se dedica á xestión medioambiental integral. Ao mesmo tempo, é unha oportunidade para mellorar a empregabilidade destas oito persoas que están apuntadas no servizo de Emprego de COGAMI, todas elas cunha media de idade de 45 anos, estudos básicos que necesitan unha reciclaxe formativa e laboral.

O curso, que ten unha duración de 200 horas, das que 120 horas son impartidas como teóricas de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, e 80 como prácticas no posto de traballo, englobará módulos sobre temáticas como xestión almacén e residuos, carretilla elevadora e prevención de riscos laborais.