COGAMI pon en marcha unha nova edición do programa Lecer Náutico, un programa de respiro familiar que fai posible que as persoas con discapacidade aprendan a navegar a vela a través do RCN de Sanxenxo.
Durante este ano participan neste programa un total de 98 persoas usuarias de entidades e centros que forman parte de COGAMI, como os centros de recursos de Monteporreiro, Medelo e Mos ademais das entidades Acem Coruña, Íntegro, Adisbismur, Amarai, Aixiña, Algaria, Avante, Avempo e Acem Compostela.
Durante cinco días, as persoas usuarias destas entidades e centros convivirán en Sanxenxo, nas instalacións da residencia adaptada que ten Aixiña nesta vila. As mañás, en horario de 10 a 14 horas, van estar destinadas a aprender o manexo das embarcacións a vela lixeira, polo que recibirán unhas clases de 20 horas de duración. As tardes dedicaranas a realizar actividades de lecer como ir á praia, pasear o visitar museos, segundo organice cada unha das entidades.
Este programa, que iniciou en 2013, conta con grande aceptación por parte das persoas usuarias de COGAMI, pois permite tanto achegar o deporte de vela a persoas con discapacidade, como tamén, supón unha estadía de cinco días de vacacións na vila de Sanxenxo, onde poderán ter acceso a actividades inclusivas, nas que poden participar todas as persoas. Ademais, supón ter uns días de respiro familiar, tanto para as propias persoas con discapacidade como para as súas familias.