• Novas
  • 09 de agosto de 2023

COGAMI participa nunha xornada de turismo para todas as persoas en Xixón

COGAMI participa nunha xornada de turismo para todas as persoas en Xixón

No Día do Turismo, COGAMI participou en Xixón na xornada `Un turismo para todas as persoas´, na que o técnico da área de Accesibilidade, Diego Piñeiro, falou sobre como poder mellorar as contornas e tamén sobre mellorar a experiencia a quen nos visita, unha participación na que trasladou a experiencia que ten COGAMI no deseño de espazos accesibles para todas as persoas.

Nesta xornada, que se centrou en Xixón pero que se podía extrapolar a calquera outra poboación, analizáronse os logros e as carencias do fomento da accesibilidade nas infraestruturas e nos servizos turísticos públicos e privados a través de profesionais en materia de accesibilidade, ademais de COGAMI, procedentes de COCEMFE Asturias e do Observatorio COCEMFE en Cantabria.

Celebrada na Feira Internacional de Mostras, nesta xornada dende o Concello de Xixón asumiron o reto de converter a cidade como destino turístico accesible sen ningún tipo de barreira. As entidades sociais pediron que o plan de turismo da cidade inclúa a accesibilidade total dende a promoción ata a eliminación de freos á mobilidade.