As instalacións de COGAMI nas cidades de Lugo, A Coruña e Vigo acolleron durante un mes un proxecto que organiza COCEMFE e que leva por nome “Atención educativa de persoas adultas con necesidades educativas especiais 2017-2018”.
A través deste proxecto, foron un total de 36 as persoas con discapacidade, 12 por centro, que se prepararon durante 75 horas en materias como matemáticas e linguas galega, castelá e inglesa, co fin de poder presentarse ás probas de competencias clave que desenvolve a Xunta de Galicia, e que se realizaron a semana pasada en Silleda.
O obxectivo deste proxecto é contribuír a mellorar a autonomía persoal de persoas con discapacidade física, proporcionándolles formación en competencias clave para que, por unha parte poidan certificarse nas mesmas e consecuentemente, poidan acceder aos certificados de profesionalidade.
Para acadar esta obxectivo, séguese unha metodoloxía flexible e individualizada, adaptada ás necesidades de cada unha das persoas participantes. Ademais, esta metodoloxía será eminentemente práctica, potenciando a adquisición de aprendizaxes en base á experiencia.