Neste verán, os catro concellos que forman parte da Mancomunidade Barbanza Arousa -A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Ribeira- contan cunha embarcación eléctrica e accesible que lles foi entregada pola Deputación da Coruña. Nesta entrega estivo presente COGAMI a través do técnico de Accesibilidade, Diego Piñeiro, e o membro da xunta directiva da asociación Misela, José Barrio.
Esta embarcación, que vai ser destinada a desenvolver actividades que axuden a promocionar os concellos desta mancomunidade, está deseñada para poder ser utilizada por persoas con mobilidade reducida, como comprobaron os representantes de COGAMI. Tamén realizaron unha análise dos pantaláns para poder acceder a esta embarcación, co fin de que sexa unha experiencia que poida ser compartida de maneira inclusiva.