• Novas
  • 14 de septiembre de 2023

COGAMI presente na celebración da Semana Europea da Mobilidade para reivindicar unha mobilidade sen barreiras

COGAMI presente na celebración da Semana Europea da Mobilidade para reivindicar unha mobilidade sen barreiras

O coordinador da área de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García, foi unha das persoas convidadas polo Concello de Santiago para asistir á presentación das actividades que o municipio vai desenvolver durante a Semana Europea da Mobilidade, entre os días 16 e 23 de setembro.

Baixo o lema Ponte no meu lugar, dende COGAMI sentaremos en cadeira de rodas, cedidas polas ortopedias EOPRIM e Gerimédical, a diferentes representantes da vida política, social e cultural de Santiago que farán un percorrido con saída da praza de Galicia e chegada á praza de Mazarelos. Será o mércores, 20 de setembro, a partir das 11 horas.

A pretensión desta actividade, segundo Álvaro García, "poderán experimentar en primeira persoa as dificultades diarias ás que se enfrontan persoas con mobilidade reducida para transitar por Compostela, nunha actividade que tamén se intentará levar aos colexios de Santiago para concienciar aos máis novos".

Ao rematar, serán alumnos e alumnas de diferentes centros escolares composteláns quen forme parte desta actividade de visibilización e sensibilización. En todo momento, todas as persoas participantes contarán coa colaboración de persoas voluntarias durante todo o traxecto e tamén con persoas con mobilidade reducida que forman parte de COGAMI e das súas entidades membro Amico e Acem Compostela.

Tamén, dende COGAMI, quérese recordar á veciñanza que poden descargar unha APP gratuíta denominada AccesibilidApp, que permite recoller aquelas incidencias que atopen tanto en Santiago como en calquera concello do resto do país, para logo ser trasladadas aos seus municipios para que as solucionen.