COGAMI desenvolve durante este ano un programa para promocionar a igualdade entre homes e mulleres no que participan preto de 50 mulleres con discapacidade. Moitas destas participantes viven nunha situación de emerxencia social derivada de circunstancias persoais ou familiares, polo que se lles proporcionan os apoios necesarios para que poidan desenvolver o seu plan de vida.
Dirixido a mulleres que viven situacións de vulnerabilidade ou que residen preferentemente no medio rural, o programa ofrece información e asesoramento para o empoderamento e a participación activa. A través dunha metodoloxía integral centrada na persoa e cun trazado de itinerarios personalizados, un equipo formado por seis traballadoras sociais que traballan nas instalacións que COGAMI ten en A Coruña, Ferrol, Santiago, Vigo e Lugo, inicia o proceso cunha primeira análise das necesidades da persoa e realizando intervencións para mellorar o seu entorno.
Financiado pola Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF daquelas persoas contribuíntes que marcaron o recadro de Actividades de Interese Social, este programa, ademais de promover a igualdade entre mulleres e homes, está dirixido a potenciar a participación e a presenza de mulleres na vida política, económica, cultural e social. A finalidade é promover o desenvolvemento máximo das capacidades de cada unha das participantes, para mellorar a súa autonomía.