Segundo datos de Odismet, o Observatorio sobre discapacidade e mercado de traballo, a taxa de persoas con discapacidade con estudos superiores en Galicia é do 18%, unha cifra que se duplica nas persoas sen discapacidade (38% do total). Outras variables significativas predominantes dentro do grupo social das persoas con discapacidade relacionadas cos estudos superiores serían: muller, con discapacidade física, de entre 25 e 44 anos que vive en núcleo urbano.
Dende COGAMI crese que este déficit nos estudos universitarios pode estar causado por factores que prexudican o desprazamento da residencia familiar a unha cidade que non conta con vivendas adaptadas ás necesidades da persoa con discapacidade, pola carencia de infraestruturas habilitadas por parte das facultades, pola falta de transporte adaptado ou de recursos económicos de bolsas de estudo insuficientes para afrontar os gastos dos estudos universitarios, por carecer de asistencia persoal ou de axudas técnicas necesarias e produtos de apoio.
As problemáticas nesta traxectoria formativa que atopa unha persoa con discapacidade danse dende a infancia. Aínda que o artigo 27 da Constitución recolle que “Todos temos dereito á educación. Recoñécese a liberdade de ensino” e o apartado 5 apunta que “Os poderes públicos garanten o dereito de todos á educación”, hoxe en día aínda existe un sistema educativo segregador que prexudica ao 20% das nenas e nenos con discapacidade.
O centro escolar ten que contar con persoal, ferramentas e instalacións axeitadas ás necesidades do alumnado e isto conséguese a través dunha política educativa inclusiva real, co apoio de recursos materiais, de docentes e económicos necesarios para o alumnado e as súas familias. É necesario favorecer a continuidade no sistema educativo e o seu acceso a niveis superiores; o nivel de estudos é un factor clave na inclusión laboral das persoas con discapacidade.
A FORMACIÓN: UNHA APOSTA DE COGAMI
Dende que en 1990 iniciou a súa traxectoria COGAMI, apostou pola formación e o emprego como factores fundamentais para lograr a inclusión e a participación social das persoas con discapacidade. A formación para o emprego ten por finalidade impulsar unha educación que contribúa ao desenvolvemento persoal e profesional, mellorando a empregabilidade e a promoción no traballo. Esta formación responde ás necesidades do mercado laboral e está orientada á mellora da competitividade empresarial. “O nivel de estudos é un factor clave na inclusión laboral. A maior formación da persoa, aumentan as probabilidades de atopar un emprego con mellores condicións laborais”, apunta o coordinador de Formación de COGAMI, Paco Abuín.
Para este ano, COGAMI ten programada a impartición de 35 cursos formativos, dos que xa se foron desenvolvendo ao longo deste primeiro cuadrimestre un total de 22 formacións ás que asistiron 230 persoas, todas elas con posesión do certificado de discapacidade recoñecido dun mínimo do 33% ou de incapacidade laboral para a profesión habitual que outorga a Seguridade Social.
“O perfil da persoa que se forma con nós podemos resumilo en que o 60% son homes fronte ao 40% mulleres, proceden de concellos de ámbito rural, cunha idade comprendida entre os 40 e 50 anos e cuns estudos básicos como a ESO ou antiga EXB”, explica Paco Abuín, quen engade que “moitas destas persoas veñen doutras profesións e que, por algún problema de saúde ou por accidente laboral, teñen unha incapacidade para desempeñar a profesión que tiñan e deben reciclarse para volver incorporarse no mercado laboral”.
Case a metade das persoas que se forman con COGAMI acaban inseridas, unhas conseguen ser contratadas polas propias empresas nas que realizan as prácticas laborais durante a aprendizaxe e outras porque se forman en temáticas demandadas polo tecido empresarial das súas zonas. Algúns exemplos dos cursos impartidos no que vai deste ano son atención ao cliente, conserxería, xestión administrativa, xardinería, control de accesos, comercio, xestión de residuos e competencias clave e dixitais.
CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI
Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación.
No mes de maio reivindicamos a necesidade da formación dende as etapas máis temperás para lograr a inclusión das persoas con discapacidade.
O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións:
Xuño. SOMOS EMPREGO: Xeramos oportunidades laborais.
Xullo. SOMOS LECER: Fomentamos actividades inclusivas.
Agosto. SOMOS PRESENTE, SOMOS FUTURO: Atendemos ás necesidades da infancia e a xuventude.
Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas e espazos para todas as persoas.
Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.
Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.
Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.