Alumnado que estuda 4º curso da ESO do IES O Couto de Ourense tiveron unha xornada diferente durante este día. Asistiron a unha charla de sensibilización sobre a discapacidade que lles ofreceu a traballadora social da área de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI, Eva Vázquez.
Os temas abordados durante esta sesión foron sobre os dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión na sociedade, a escola inclusiva, a prevención da lesión medular e tamén realizaron unha actividade didáctica `Ponte no meu lugar´, onde fixeron que alumnas e alumnos do centro experimentaran como se vive cunha discapacidade.
Foron un total de 89 alumnas e alumnos os que asistiron a estas charlas que contaron tamén coa participación dunha persoa voluntaria de COGAMI, Miguel Ángel Justo, quen comentou a súa experiencia como persoa con mobilidade reducida debido a unha lesión medular. Miguel Ángel explicou as dificultades que atopa porque o medio non está adaptado a todas as persoas e tamén falou dos prexuízos aos que se enfronta, os retos que supera e a súa participación en diferentes actividades.