A Escola Galega de Administración Pública (EGAP) foi o lugar escollido en Santiago de Compostela para celebrar o I Encontro do Forum Xurídico do Terceiro Sector de Galicia, organizado por EAPN Galicia de Loita contra a Pobreza. Ata alí desprazáronse profesionais que forman parte das áreas xurídicas de diferentes entidades, co fin de axudar na defensa dos dereitos das persoas e a loita contra a pobreza e a exclusión social.
Ademais de asistir as profesionais Mª Jesús Pérez e Marta Núñez de COGAMI, o encontro contou coa participación doutras entidades membro de EAPN Galicia como Boa Vida, Fundación Secretariado Gitano, AMIGA, Down Galicia, Ecos do Sur, Fundación Juan Soñador, FEGADACE e Igaxes, ademais de xuristas externos pertencentes ás entidades CEGASAL e Fiare Banca Ética.
O I Encontro do Forum Xurídico do Terceiro Sector de Galicia nace co obxectivo darse a coñecer, establecer vínculos e concretar actuacións futuras nun ambiente aberto á participación. O equipo profesional aproveitou para poñer en valor o traballo xurídico e promover accións de mellora que beneficien ás entidades do Terceiro Sector, á sociedade no seu conxunto e ás persoas.
Nesta xuntanza quedou conformada unha rede profesional de contacto, apoio mutuo, traballo en rede e difusión de coñecemento entre profesionais que levarán a cabo unha labor de incidencia política na loita contra a pobreza e a exclusión social.