A Asociación Gallega de Transplantados de Médula Ósea (Asotrame) inaugura no Hospital Clínico de Santiago unha exposición fotográfica que pretende difundir e sensibilizar sobre a doazón de medula ósea, coincidindo co Día Mundial do Cancro.
Esta mostra, que leva por nome Reflexos de Vida, recolle fotografías e texto das persoas que están vinculadas nun proceso de transplante, sendo estas unha hematóloga, unha enfermeira, unha doadora e unha receptora.
A mostra está exposta na entrada principal do hospital e na súa inauguración participaron a xerente da área compostelá, Eloína Núñez, xunto a José Luís Bello, xefe do Servizo de Hematoloxía e a presidenta de ASOTRAME, Cristina Piñeiro.
Reflexos de Vida, en palabras da Presidenta de ASOTRAME “busca que brote unha conciencia sobre a importancia da doazón de medula ósea para o que cremos que é necesario coñecer ás persoas que están vinculadas a este proceso” .
No transcurso do acto falou Cristina Pet, receptora de medula hai 13 anos, que incidiu na importancia da doazón “para seguir adiante co teu proxecto de vida”. Arestora hai en España preto de 400.000 doantes de medula (o 70% son mulleres).
Neste acto aproveitouse para facer entrega dunha doazón por parte de ASOTRAME á Fundación IDIS, xa que outro dos seus obxectivos é colaborar en Proxectos de Investigación contra o cancro. "Tomando conciencia de que o cancro é unha enfermidade de todos, algún día chegaremos a dicir que é curable en todos os casos", subliñou Cristina Piñeiro.
O servizo de hematoloxía do Hospital Clínico de Santiago presta asistencia a uns 2.500 pacientes cada mes, dos que uns 700 son atendidos nas consultas do Hospital de Día, e realiza 55 transplantes de medula ao ano.