• Novas
  • 30 de mayo de 2018

Coregal asina contrato co concello de Boiro para a xestión do punto limpo, a recollida selectiva de papel, cartón e envases lixeiros

Coregal asina contrato co concello de Boiro para a xestión do punto limpo, a recollida selectiva de papel, cartón e envases lixeiros

O centro especial de emprego Coregal asina co concello de Boiro a adxudicación de contrato para a xestión do punto limpo, para a recollida selectiva de papel e cartón e tamén a recollida de envases lixeiros. Este contrato é posible despois de que Coregal se presentara ao concurso a través do procedemento de contrato reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social.

O contrato foi asinado polo alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e mailo conselleiro delegado de Galega de Economía Social, Ramón Sestayo. Trala sinatura, Coregal, que se dedica á recollida de residuos sólidos urbanos para a súa reciclaxe e que conta cun centro de traballo en Boiro no que operan 39 persoas, todas elas con discapacidade, encargarase da recollida dos colectores de papel e cartón durante dous días á semana, sendo tres no verán, e o servizo porta a porta dos comercios da zona de luns a sábado. Os envases lixeiros recolleranse todos os días excepto os domingos e festivos.

A xestión do punto limpo disporá dun operario cunha xornada de 40 horas semanais que se encargará de recoller os materiais voluminosos cada quince días, cada sete en período estival.

O contrato asinado por Coregal e o concello de Boiro terá unha duración dun ano prorrogable a outro máis.

Coregal é unha das 11 iniciativas de economía social que xestiona COGAMI, onde traballan 800 persoas das que o 92% destas teñen un certificado de discapacidade. Coregal opera dende o ano 1994, cando  iniciou con 10 persoas. Agora conta con 188 persoas e ten cinco centros de traballo, ademais do de Boiro, tamén os ten en Santiago de Compostela, Carballo, Narón e Mos.