• Novas
  • 02 de mayo de 2023

Encontro en Francia das entidades que participan no programa Decid-E, entre elas COGAMI

Encontro en Francia das entidades que participan no programa Decid-E, entre elas COGAMI

Ata a localidade francesa de Nantes desprazáronse as entidades que participan no proxecto Decid-E (Desenvolvemento de Redes de Cooperación Trasnacional para a Inclusión Laboral de Persoas con Discapacidade), que ademais de desenvolverse en Galicia a través de COGAMI, tamén participan entidades doutras comunidades españolas e procedentes de Francia e Portugal.

Este encontro serviu para poñer en común as boas prácticas dos servizos de emprego que teñen por obxecto mellorar a inserción laboral das persoas con discapacidade. Asistiron a estas xornadas europeas de posta en común, ademais de representantes de COGAMI e COCEMFE, membros de Inserta Empleo, da Asociación Nacional de Xestión dos Fondos para a Inserción Profesional das Persoas con Discapacidade (AGEFIPH), da Asociación Nacional APF France Handicap e da Asociación Nacional Territorios Cero Desempregados de Longa Duración.

Entre os puntos principais a destacar atópanse o coñecemento do modelo de empresa creada para o emprego, a detección da necesidade na contorna local, impulsar o traballo en rede e o financiamento público inicial das empresas como eixe principal desta transición que fan as persoas con discapacidade da formación cara o emprego.

Iniciado por COCEMFE, entidade da que forma parte COGAMI a nivel estatal, e cofinanciado polo Fondo Social Europeo e Fundación ONCE, a través do  Programa POISES (Programa Operativo de Inclusión Social e Economía Social, 2014-2020), este proxecto ten por obxectivo mellorar as oportunidades laborais das persoas con discapacidade a través de iniciativas de cooperación europea entre entidades que traballan pola inclusión laboral das persoas con discapacidade física, orgánica e sensorial.