• Novas
  • 20 de octubre de 2023

Entidades europeas visitan COGAMI para falar sobre educación inclusiva en alumnado con discapacidade

Entidades europeas visitan COGAMI para falar sobre educación inclusiva en alumnado con discapacidade

Co fin de crear conciencia sobre a educación inclusiva e empoderar ao alumnado con discapacidade ao longo do proceso educativo, representantes de entidades europeas da discapacidade visitan COGAMI durante os días 19 e 20 de outubro. Nesta visita estarán as asociacións ÉTA National Association de Hungría, Center VAL de Eslovenia, CARDET de Chipre, L'ADAPT de Francia ademais da entidade que lidera o proxecto EASPD (European Association of Service Providers for Persons with Disabilities) de Bélxica.

A través do proxecto denominado `ACT Inclusive: actores do cambio cara unha educación inclusiva´, e financiado a través do programa da Unión Europea, Erasmus +, tratarase de identificar e implementar prácticas innovadoras en educación inclusiva no ámbito educativo formal e desenvolver directrices para o fomento da inclusión no xogo e na educación non formal, a través do trazado de sinerxías entre as partes que compoñen o proxecto, implicando tanto a estudantes con discapacidade como sen discapacidade, profesorado e persoal de centros educativos.

“Coñecer como traballan outras entidades, ou que solucións foron atopando para determinados problemas, permite que poidamos incorporar ese saber facer, innovar, mellorar os nosos servizos, a capacitación da noso equipo de profesionais e, principalmente, que as persoas con discapacidade se beneficien directamente destas colaboracións”, explica Catuxa Pereira, responsable da área de Proxectos de COGAMI.

Ata finais de 2024, duración deste proxecto, os seus integrantes, ademais de concienciar sobre  educación inclusiva, deberán tamén empoderar ao estudantado con discapacidade no proceso de construción dunha contorna de aprendizaxe inclusiva, educar a profesorado e persoal escolar sobre a xestión da diversidade na aula, establecer unha rede de aprendizaxe mutua e crear sinerxías entre as diferentes partes interesadas.