COGAMI a principios deste mes de abril, na campaña de sensibilización e visibilización da discapacidade lanzada este ano, demandaba a necesidade da entrada en vigor do novo baremo de valoración da discapacidade, porque está máis actualizado e presta máis atención á discapacidade orgánica.
Dende COGAMI e as súas entidades membro “celebramos a posta en marcha do novo baremo de discapacidade e esperamos que cumpra o obxectivo de ser máis xusto e equitativo coas discapacidades orgánicas”, sinala Laura Quintas, coordinadora da Comisión Sociosanitaria.
Este baremo recoñece dereitos das persoas con discapacidade, para que conten cos apoios necesarios no seu avance cara unha participación activa na sociedade e, en definitiva, cara a inclusión. “A partir de agora, as persoas con discapacidade orgánica temos unha ferramenta máis xusta para poder ter recoñecida a nosa condición e poder así acceder a servizos en igualdade de dereitos”, di Laura Quintas.