• Novas
  • 29 de julio de 2022

No que vai de ano, o servizo de fisioterapia da asociación Adapta atendeu a trinta persoas con discapacidade

No que vai de ano, o servizo de fisioterapia da asociación Adapta atendeu a trinta persoas con discapacidade

A Asociación de Persoas con Discapacidade das comarcas de O Condado e Parandanta (Adapta) puxo en marcha durante o ano 2010 un servizo de Fisioterapia dirixido a persoas con discapacidade dos concellos que forman parte destas comarcas. Tal é o éxito deste servizo polos beneficios que lles aporta ás persoas con discapacidade física que, ano tras ano, promóvese a súa continuidade dende a entidade.

Dende inicios deste ano, foron xa trinta persoas as que recibiron fisioterapia a través de Adapta, coas que se traballou tanto a promoción como tamén o mantemento e o incremento da súa calidade de vida. Este servizo está especialmente enfocado a aquelas persoas que sufriron unha lesión ou que teñen problemas de saúde causados por unha enfermidade, afección ou discapacidade, chegando a ser para elas un elemento clave.

Operativo durante todo o ano de luns a venres, este servizo está financiado a través da convocatoria de subvencións destinadas a realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo a asignación tributaria do 0,7% do IRPF que xestiona a Xunta de Galicia e que proceden de todas as persoas que marcaron o recadro da X Solidaria na declaración da renda.

A Asociación Adapta é unha entidade de iniciativa social sen ánimo de lucro e que ten como misión conseguir a plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, a través da defensa e a promoción dos seus dereitos, da reivindicación do cambio social e da prestación de servizos que satisfagan as súas necesidades e expectativas.