O cadro de persoal do centro de recursos que COGAMI ten en Monteporreiro, Pontevedra, incrementou este ano coa incorporación dun condutor para o servizo de transporte adaptado que presta de luns a venres, para que as persoas usuarias poidan acceder de xeito regular a este centro de atención terapéutica e ocupacional.
Esta nova incorporación encargarase de conducir un dos catro vehículos cos que conta o centro para o traslado das 11 persoas usuarias que o utilizan a diario, cubrindo a ruta de Pontevedra a Poio e que é utilizada por cinco persoas.
Este profesional financiouse cos fondos que lle chegan do 0,7% do IRPF na declaración da renda e que xestiona a Xunta, daquelas persoas que marcaron o recadro 106 de Actividades de interese social, a coñecida por X Solidaria. O servizo de transporte adaptado garante a posibilidade de acceso autónomo ao centro de recursos que, ao estar situado en zona rural, resulta necesario dispoñer dun vehículo para o traslado das persoas, xa que se carece dun público adaptado.
Os fondos da X Solidaria permitiron tamén que Monteporreiro conte con material informático renovado ao incorporar un proxector e unha pantalla interactiva de 65 polgadas, que permitirá facilitar o uso destas novas tecnoloxías ás 17 persoas usuarias do centro. Estes novos aplicativos permitirán expoñer os seus propios proxectos, realizar unha aprendizaxe máis activa e interactuar con aquelas páxinas que teñen actividades para manter ou mellorar a capacidade cognitiva.