A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e mailo vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, asinaron un convenio de colaboración en materia de acción social, a través do cal o Concello comprométese a financiar con 6.000 euros o servizo de información e asesoramento individualizado que ofrece a entidade ás persoas con discapacidade.
Segundo datos ofrecidos por Sestayo, actualmente COGAMI conta cunha base de datos que contempla as 2.077 persoas inscritas da comarca de Ferrolterra, sendo 527 destas procedentes de Narón. En canto ás actuacións desenvolvidas polo servizo de Emprego, ata finais do mes de setembro deste ano foron 27 persoas entrevistadas por vez primeira de Narón, e das 165 persoas que atoparon emprego, 45 tamén se corresponden con veciñas e veciños deste Concello.
A Alcaldesa comprometeu o apoio a COGAMI e destacou “a importancia do traballo do seu servizo de Emprego”, prestando ao longo deste ano máis de 700 servizos e formando a 50 persoas nos catro cursos impartidos das que o 36% destas están traballando.