Máis de vinte e sete mil persoas usuarias de COGAMI e familias son as que van resultar beneficiarias durante este ano a través do programa de atención a persoas con discapacidade e ás súas familias e do mantemento da Confederación e das súas entidades. El programa, dentro do convenio de colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, contribúe ao mantemento tanto da estrutura de COGAMI como das súas entidades membro, ademais dos servizos que presta en materia de accesibilidade, produtos de apoio, prestacións e axudas económicas, educación, lexislación e formación.
Dentro deste programa tamén se inclúe a intervención social a persoas con discapacidade e familias, con incidencia especial na muller con discapacidade embarazada e lactante e nas persoas con grande discapacidade. Outro programa que se financia a través desta subvención é o de sensibilización e concienciación, orientado á consecución da plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade, proporcionando charlas de prevención de lesión medular, xornadas de sensibilización e concienciación coa discapacidade, así como aspectos psicosociais da discapacidade.
Dentro da promoción da autonomía persoal, fomentarase a saúde a través da actividade física con exercicio de natación, ximnasia e fisioterapia, orientadas á prevención da dependencia das persoas con discapacidade.
A través da formación e intermediación laboral, mellorarase a cualificación profesional e académica das persoas con discapacidade, realizando cursos de formación básica combinados con accións encamiñadas a potenciar o acceso ao mercado laboral.
Os programas de voluntariado, de lecer para o fomento da participación social e o de apoio ao movemento asociativo son outros dos que se financian a través do convenio de atención a persoas con discapacidade e familias, do mantemento de COGAMI e das súas entidades para o ano 2023, en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude.