A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) está a desenvolver durante este ano o ‘Servizo Especializado en Atención Social para persoas con Esclerose Múltiple’, co que máis de 300 persoas afectadas e familiares da provincia recibirán ata o mes de decembro axudas técnicas e recursos para afrontar a enfermidade e novas situacións que poidan ir xurdindo por mor desta.
A través deste proxecto que forma parte do Plan de Prioridades da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), financiado pola Fundación ONCE, AVEMPO busca informar, asesorar e tramitar os recursos existentes para as persoas con esclerose múltiple, ademais de acompañar e apoiar á persoa afectada e á súa familia en todo o proceso de adaptación á enfermidade.
Por outra banda, AVEMPO executa programas de autonomía persoal, á vez que leva a cabo accións de sensibilización social a través de campañas divulgativas que celebrará a entidade ao longo do ano.