• Novas
  • 14 de agosto de 2023

O servizo de emprego de COGAMI cedido polo Concello de Lalín conta con 149 persoas anotadas

O servizo de emprego de COGAMI cedido polo Concello de Lalín conta con 149 persoas anotadas

O servizo de Emprego de COGAMI conta cun punto de atención que lle cede o Concello de Lalín nas instalacións do complexo Lalín Area, tras un convenio asinado polos dous organismos no pasado ano 2020. Este servizo é unha aposta pola inclusión das persoas con discapacidade no mercado laboral e, para este fin, ofrece intermediación, orientación e prospección de emprego ás persoas que teñen un certificado oficial de discapacidade ou de incapacidade laboral para profesión habitual da Seguridade Social. 

Unha vez ao mes, a orientadora laboral de COGAMI, Mónica Luaña, desprázase ata Lalín para atender ás persoas con discapacidade ou incapacidade laboral tanto deste municipio como tamén dos limítrofes. A Confederación conta con oficinas nas sete cidades galegas pero, para evitarlles desprazamentos ás persoas usuarias que viven no rural, son os propios profesionais do servizo os que se trasladan ata as súas zonas. 

En cada un destes desprazamentos, o servizo atende ao redor de 5 persoas para asesoralas, orientalas, trazarlles itinerarios laborais personalizados ou para realizar unha primeira entrevista na que entrará a formar parte da bolsa de emprego, como xa fixeron as 149 persoas con discapacidade de Lalín que actualmente conforman a bolsa de emprego de COGAMI, 77 homes e 72 mulleres. 

Para capacitar a estas persoas cara ao emprego, COGAMI desenvolve un plan de formación adaptado ás súas necesidades e capacidades, ademais de contemplar as demandas do tecido empresarial da zona. Desde o ano 2020, impartíronse seis cursos con temáticas como: informática básica, tarefas administrativas, competencias dixitais, acompañante de transporte, ademais de accións de mellora da empregabilidade aos que asistiron 19 lalinenses. 

Desde dátaa da firma do convenio co Concello, foron inseridas 79 persoas no mercado laboral a través do servizo de emprego de COGAMI. Moitas das insercións foron a través das 56 ofertas lanzadas polas empresas da comarca do Deza, para favorecer a inclusión laboral dun grupo social que aínda rexistra altas taxas de paro, chegando a duplicar as da poboación total.

Para mitigar estas cifras e mellorar a empregabilidade, COGAMI desenvolve un programa de inserción denominado Máis Emprego. Financiado por Fundación “la Caixa” e o Fondo Social Europeo, a través deste programa traballouse desde o ano 2020 ata o mes de xullo 2023 cun total de 20 persoas da comarca do Deza, das cales foron inseridas un total de 7 persoas das que participaron no programa.