• Novas
  • 28 de septiembre de 2023

O servizo de Inclusión e Transición ao Emprego de ACADAR atende a 23 mulleres con discapacidade de Allariz e O Carballiño

O servizo de Inclusión e Transición ao Emprego de ACADAR atende a 23 mulleres con discapacidade de Allariz e O Carballiño

O servizo de Inclusión e Transición ao Emprego para persoas con discapacidade que desenvolve a Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR), atendeu durante este primeiro semestre do ano a 23 mulleres procedentes dos concellos de Allariz e O Carballiño.

Esta entidade traballou de xeito individual con cada unha das participantes deseñando itinerarios personalizados e adaptados ás súas necesidades, ás súas capacidades persoais, laborais e sociais, co fin de mellorar a súa autonomía persoal, participación e inclusión social e laboral.

Ademais de intervencións individuais, o servizo ten como aspecto relevante o reforzo entre iguais e a creación de redes de apoio a través da participación  en grupos reducidos, en obradoiros de competencias para o emprego e sobre o uso das TIC como ferramentas innovadoras para a procura de emprego. 

Para este tramo final de ano, o programa vai traballar con vinte mulleres con discapacidade procedentes dos concellos de A Coruña, Santiago de Compostela e Ourense, polo que todas as interesadas en participar, poden contactar coa entidade ACADAR no teléfono 674 073 092 ou a través do correo electrónico info@acadar.org

O servizo de Inclusión e Transición ao Emprego para persoas con discapacidade está cofinanciado pola convocatoria de concesión de subvencións destinadas á realización de programas de interese xeral para fins de carácter social, con cargo á asignación tributaria do 0,7% do IRPF da Xunta de Galicia, das persoas que marcaron o recadro 106 na declaración da renda, coñecido como X Solidaria.