Con moita ilusión, así é como describiron a excursión a Santiago de Compostela organizada polo centro de día de maiores municipal de Porto do Son que xestiona COGAMI dende xaneiro do ano 2014.
Un grupo formado por 10 persoas, entre persoal e usuarias, visitaron a Catedral para quedar máis tarde a compartir un xantar na cidade. Para algunhas delas, como afirmaba Eugenio Botana, “é a primeira vez que saio dende que foi a pandemia, co que estou moi ilusionado”.
O centro de día de maiores de Porto do Son, ademais de ser un recurso social e de apoio ás familias, tamén supón un punto de encontro onde teñen cabida actuacións socioculturais con carácter socioterapéutico e, ao mesmo tempo, lúdico e de animación. Dentro das actividades de lecer están as saídas como esta que, segundo explica a directora do centro, Cristina Delgado “intentamos motivar a todas as persoas que acoden ao centro con actividades grupais como esta”.
A este centro acoden a diario de luns a venres un total de 40 persoas, cunha idade media que comprende os oitenta anos, e que son atendidas por un cadro de persoal que engloba as 15 persoas contratadas.