• Novas
  • 22 de agosto de 2023

Remata o curso de operacións auxiliares impartido por COGAMI en Ourense

Remata o curso de operacións auxiliares impartido por COGAMI en Ourense

Foron trece as persoas que comezaron esta formación e sete as que finalmente remataron o curso de Operacións Auxiliares de Servizos Administrativos e Xerais que COGAMI impartiu nas instalacións que ten en Ourense, situadas na rúa Farixa, nº3, baixo.

O curso comezaba o pasado mes de abril cun alumnado procedente dos concellos de  Ourense, Barbadás, Cartelle, Trasmiras e O Carballiño. A formación constaba de 448 horas lectivas impartidas  de luns a venres en horario de 9 a 14 horas, nas que tiveron que superar os módulos sobre técnicas administrativas básicas de oficina, operacións básicas de comunicación, reprodución e arquivo, inserción laboral, sensibilización e igualdade de xénero ademais de formación para a igualdade.

Para poder completar esta formación, tras rematar as clases teóricas presenciais, o alumnado tivo a oportunidade de realizar prácticas en empresas da zona. Dende as áreas de Emprego e Formación de COGAMI agradecen a Grupo Cuevas, Aceites Abril, Nortempo ETT, Prink Ourense, Elyte Xinzo, Viaqua SLU e Combina Social por acoller o alumnado en prácticas e colaborar na súa formación de cara a inserción no mercado laboral.

Para formar parte desta formación denominada AFD (Accións formativas dirixidas prioritariamente a persoas desempregadas), cofinanciada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade e o Ministerio de Educación e Formación Profesional, era necesario ter  recoñecida unha discapacidade ou incapacidade laboral para a profesión habitual ademais de estar en situación de desemprego. Tras ser superados todos os módulos, o alumnado recibe un certificado de profesionalidade nivel 1.

COGAMI proporciónalle ao alumnado as destrezas profesionais que lle permitan un rendemento competitivo no mercado de traballo, co fin de acadar a plena participación social e laboral. Todas as persoas que iniciaron este curso estaban apuntadas no servizo de emprego que ten COGAMI.