• Novas
  • 20 de septiembre de 2023

Semana Europea da Mobilidade: COGAMI realiza un percorrido en cadeira de rodas por Santiago para denunciar as barreiras

Semana Europea da Mobilidade: COGAMI realiza un percorrido en cadeira de rodas por Santiago para denunciar as barreiras

Na Semana Europea da Mobilidade, COGAMI colabora co Concello de Santiago para visibilizar a problemática que atopan as persoas con mobilidade reducida cando se desprazan polos espazos e itinerarios das vilas e cidades.

COGAMI desenvolveu na capital galega  unha actividade de sensibilización na que representantes da vida política e social de Compostela tiveron que desprazarse en cadeira de rodas dende a praza de Galicia en dirección á praza de Mazarelos.

Esta xornada contou coa colaboración das ortopedias Eoprim e Gerimedical que cederon un total de 25 cadeiras de rodas manuais para poder desenvolver esta actividade. Participou tamén un grupo de persoas voluntarias que acompañaron ás participantes durante o percorrido, ao que tamén asistiron representantes e persoas socias das entidades membro de COGAMI en Santiago como son Amico e Acem Compostela.

Coa chegada deste primeiro grupo ao punto final do percorrido, a Praza de Mazarelos, o seguinte en participar foi o 1º curso da ESO do IES Rosalía de Castro, 28 alumnas e alumnos con idades comprendidas entre os 12 e 13 anos que, na compaña de 2 docentes, saíron da praza de Galicia con destino á de Mazarelos. Ao chegar, estábaos agardando tres cursos de 5º de primaria do CEI López Ferreiro, un total de 56 alumnas e alumnos e 3 docentes, que realizaron o percorrido en dirección ao seu centro escolar, situado en Xoán XXIII.

A xornada Ponte no meu lugar é unha actividade que COGAMI iniciou no ano 2016 en Santiago, sendo este o primeiro no que participan centros escolares aos que diriximos esta xornada de sensibilización e educación en sociedade, para que coñezan en primeira persoa a discapacidade, para que empaticen coas persoas con mobilidade reducida que atopan barreiras cando se desprazan por espazos que non están adecuados ás súas necesidades.

Unha aplicación móbil para recoller as incidencias

COGAMI aproveitou a xornada para dar a coñecer a aplicación de móbil gratuíta ‘AccesibilidApp’, unha ferramenta que permite recoller todas aquelas incidencias relacionadas coa falta de accesibilidade en espazos, contornas, servizos e itinerarios das localidades.

Dende COGAMI queren implicar a toda a sociedade na recollida destas incidencias a través desta APP, para posteriormente seren derivadas aos concellos para que interveñan modificando os puntos problemáticos.

Dende que se estreou en 2019 este aplicativo móbil, gratuíto e que se pode descargar a través deste enderezo web, https://www.accesibilidapp.es/, xa foron recollidas 778 incidencias, das que 19 son contabilizadas durante este ano.

‘AccesibilidApp’ é un aplicativo desenvolvido por COCEMFE, entidade nacional da que forma parte COGAMI, co apoio de Fundación Vodafone España, con cargo á asignación tributaria do 0,7% subvencionado polo Ministerio de Derechos Sociales y Agenda 2030.