• Novas
  • 02 de agosto de 2023

Somos presente, somos futuro: COGAMI reclama máis atención para as nenas, nenos e adolescentes con discapacidade

Somos presente, somos futuro: COGAMI reclama máis atención para as nenas, nenos e adolescentes con discapacidade

En Galicia hai 9.189 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, dos que o 34% teñen recoñecida unha discapacidade física, segundo últimos datos publicados pola Xunta de Galicia. Nestas etapas de crecemento é fundamental coidar e protexer a estes nenos e nenas, por iso dende COGAMI existen programas e servizos específicos dirixidos á mellora da súa autonomía persoal.

Actualmente, 264 nenas e nenos de 0 a 6 anos asisten ao servizo de Atención Temperá que lles ofrece COGAMI na Mancomunidade Intermunicipal do Baixo Miño e nos concellos de Abegondo, Bergondo, Carral, Sada e Arteixo, facilitando unha atención máis próxima,  evitando que as familias teñan que desprazarse ás cidades. “Este servizo é fundamental nos primeiros anos de vida do menor que ten algún trastorno de desenvolvemento ou discapacidade recoñecida”, explica Álvaro García, coordinador do Servizo de Atención Temperá de COGAMI, quen engade que “recibir logopedia, fisioterapia, terapia ocupacional e atención psicolóxica nas etapas de 0 a 6 anos, permite potenciar a autonomía persoal destes nenos e nenas”.

Tamén resulta fundamental o traballo directo coas familias, ás que COGAMI presta apoio e asesoramento a través do servizo de Intervención Social. No que levamos de ano, algunhas das demandas recibidas foron sobre xestións administrativas, solicitude de produtos de apoio e relacionadas co ámbito educativo, como a petición dunha persoa voluntaria para axudar superar o curso académico, ademais de requirir apoios para tramitar a solicitude de persoal coidador nos centros de ensino ou para tramitar queixas por serlle denegado o transporte adaptado a alumnado con mobilidade reducida de Educación Secundaria, Bacharelato e Formación Profesional.

O ensino é obrigatorio e as aulas deben ser inclusivas, por iso en COGAMI trabállanse programas formativos específicos dirixidos a profesorado e alumnado, para sensibilizar sobre a discapacidade e traballar nunha sociedade educativa máis inclusiva. Segundo o presidente, Anxo Queiruga, “as nenas e nenos con discapacidade viven moitas situacións discriminatorias motivadas pola invisibilidade, escaseza de apoios e sobreprotección familiar”.

A familia e a comunidade son o soporte para a aprendizaxe do menor e facilitan a inclusión social. COGAMI, en colaboración con COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) desenvolve un proxecto educativo que pretende promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade. Dende que iniciou en 2016, neste programa participaron case 17.000 persoas entre escolares, profesorado e familias.

Outro programa que beneficia o desenvolvemento dos menores é o Programa Integral de Promoción da Autonomía Persoal que COGAMI desenvolve nas instalacións do CEGADI, en Santiago de Compostela. Durante este ano atenderon a 11 menores con idades comprendidas entre os 5 e os 17 anos. Este proxecto conta con persoal cualificado en fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, neuropsicoloxía, psicoloxía e traballo social que tratan a estes menores dous días por semana e por un período dun ano. Mentres que os adolescentes chegaron demandando apoio tanto físico como psicolóxico para poder ter máis autonomía no seu día a día, os máis pequenos presentaban déficit na atención, dificultades na comunicación e necesidades físicas.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queremos dar visibilidade durante todo este ano 2023 a unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para visibilizar un grupo social que representa o 9% do total da poboación.

No mes de agosto reivindicamos a igualdade de oportunidades nas nenas, nenos e adolescentes con discapacidade. É necesario dirixir servizos específicos que favorezan o seu desenvolvemento, así como educar a unha sociedade para que sexa inclusiva con todas as persoas. 

O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións:

Setembro. SOMOS ACCESIBILIDADE: Deseñamos contornas e espazos para todas as persoas.

Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo.

Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social.

Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.