Representantes de COGAMI e da asociación membro ADAPTA recibiron ás Conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García e á alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, nas novas instalacións que van acoller o centro atención diúrna terapéutica da entidade.
Nesta visita, a Conselleira anunciou que nestes espazos, que seguirán desenvolvendo os servizos que ata o de agora realiza ADAPTA a favor da autonomía persoal das persoas con discapacidade, tamén acollerá unha unidade de atención temperá, con capacidade para atender anualmente a 150 nenas e nenos de 0 a 6 anos con algún tipo de trastorno de desenvolvemento ou en risco de padecelo.
A inicios do ano que vén, dende a asociación ADAPTA teñen a previsión de poder trasladarse a estas novas instalacións, en canto se execute a fase II da obra, que consistirá na retirada das actuais cubertas de fibrocemento, a unión dos dous módulos, a urbanización exterior do centro e o equipamento.
Este novo centro conta co apoio financeiro a través dun convenio asinado coa Consellería de Política Social e Xuventude ademais da Fundación ONCE a través do seu Plan de Prioridades.