Programa de atención a persoas con discapacidade e ás súas familias e do mantemento de COGAMI e das súas entidades para o ano 2024

Programa de atención a persoas con discapacidade e ás súas familias e do mantemento de COGAMI e das súas entidades para o ano 2024

Este programa está dentro do convenio APDF de colaboración que existe entre a Consellería de Política Social e Igualdade e COGAMI.

Con este convenio preténdese contribuír ao mantemento de COGAMI e das súas entidades asociadas, así como ás actividades que conleva o servizo que COGAMI ten previsto desenvolver durante o ano 2024, cuxo desenvolvemento artéllase do seguinte xeito:

Programa informativo de asesoramento e orientación dirixido ás persoas con discapacidade, ás súas familias e á sociedade en xeral, en materia de accesibilidade, produtos de apoio, prestacións e axudas económicas, educación, lexislación e formación, entre outras.

Programa de intervención social das persoas con discapacidade e das súas familias, con especial incidencia na muller con discapacidade embarazada e lactante e nas persoas con grande discapacidade.

Programa de promoción da autonomía persoal mediante o fomento da saúde a través da realización de actividade física (ximnasia, natación e fisioterapia) orientado á prevención da dependencia das persoas con discapacidade.

Programa de formación e intermediación laboral mediante o desenvolvemento de actividades dirixidas a mellorar a cualificación profesional e académica das persoas con discapacidade, a través da realización de diferentes cursos de formación básica, obradoiros etc., que se combinarán con accións encamiñadas a potenciar o seu acceso ao mercado de traballo.

Programa de sensibilización e concienciación dirixido ás persoas con discapacidade, as súas familias e á sociedade en xeral, orientado á consecución da plena inclusión das persoas con discapacidade en todos os ámbitos da sociedade.

Programa de voluntariado que incide no seu fomento a través da participación en eventos desta natureza, ademais dun curso formativo para xestores de accións de voluntariado.

Programa de lecer para fomentar, na medida do posible, a participación social das persoas con discapacidade, en programas culturais, lúdicos e educativos.

Programa de apoio ao movemento asociativo, co que se pretende axudar no cumprimento dos trámites administrativos ás persoas e entidades que pretendan a súa asociación ou xa asociadas para a continuidade e cumprimento dos seu fins.

No deseño e desenvolvemento dos programas e das actividades a subvencionar a través do presente convenio incorporarase de xeito transversal o principio de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e tense en conta a perspectiva de xénero no seu deseño e execución.

Este convenio ten unha financiación por un importe total de 993.312 €, e agárdase chegar a un total de 30.360 persoas beneficiarias.