A crise da vivenda: cando a barreira económica suma a falta de accesibilidade

A crise da vivenda converteuse nunha das principais alarmas sociais do momento. A escaseza de inmobles dispoñibles, os prezos desorbitados do alugueiro e as compras inasumibles para moitas familias están a dificultar a emancipación, especialmente entre a mocidade que desexa iniciar un proxecto de vida propio.

Esta realidade non é nova para as persoas con mobilidade reducida. Para elas, a dificultade é estrutural e permanente. Á barreira económica súmase unha segunda, igual ou máis limitante: a falta de vivendas accesibles e adaptadas.

“Existe o problema que lle afecta a toda a sociedade, que é a falta de oferta de vivendas, pero no colectivo das persoas con discapacidade teñen un problema engadido que é a falta de oferta de vivendas que sexan accesibles”, denuncia o coordinador da área de Accesibilidade de COGAMI, Álvaro García.

O mercado inmobiliario segue sen responder ás necesidades reais deste colectivo. Portais con chanzos, ausencia de ascensor, vivendas con portas estreitas, baños non adaptados ou espazos que impiden unha mobilidade autónoma seguen formando parte da realidade habitual da oferta dispoñible.

A esta situación engádese outro obstáculo: a consideración social da persoa con discapacidade como perfil “vulnerable”, o que xera en ocasións reticencias por parte de propietarias e propietarios á hora de alugar. Mesmo cando a persoa arrendataria propón asumir o custo das adaptacións necesarias, non sempre se lle permite realizar as obras. Aínda que a Lei de Arrendamentos Urbanos (art. 24) recoñece o dereito a realizar obras de accesibilidade sen que o propietario poida opoñerse, existe un condicionante relevante: ao remate do contrato, o arrendatario está obrigado a devolver a vivenda ao seu estado orixinal. Isto converte calquera adaptación nun investimento de alto risco, especialmente cando os elementos instalados non son facilmente desmontables.

Os datos son contundentes: só o 0,6 % dos 9,8 millóns de edificios de vivendas en España contemplan criterios de accesibilidade universal, a pesar de que en 2017 finalizou o prazo legal para adaptar as comunidades de propietarios segundo a Lei Xeral de Dereitos das Persoas con Discapacidade. Das 2,5 millóns de persoas con mobilidade reducida en España, arredor de 100.000 non poden saír nunca das súas casas, e máis de 1,8 millóns precisan axuda para facelo. Estes datos evidencian que a falta de accesibilidade non é unha cuestión menor: limita dereitos fundamentais como a liberdade, a participación social e a igualdade de oportunidades.

“Imos para maiores e seguimos tendo un 80 % de edificios que carecen de ascensores”, apunta Álvaro García. Afirma que a solución a curto prazo non é posible pero unha das posibles solucións que aporta é: “agora que se está na dinámica de construción de vivenda pública hai que garantir que, ademais de contar con ascensores, que conten con medidas de accesibilidade, que sexan vivendas adaptadas”.

No que respecta ás comunidades de propietarios, a Lei de Propiedade Horizontal (art. 10) establece que determinadas obras de accesibilidade son obrigatorias e non requiren acordo previo da Xunta, sempre que sexan solicitadas por persoas con discapacidade ou maiores de 70 anos e o custo repercutido non supere as doce mensualidades ordinarias de gastos comúns. Malia este recoñecemento legal, a realidade é que moitas comunidades non aplican esta obriga, e os mecanismos de inspección e sanción son insuficientes para garantir o seu cumprimento efectivo.

A situación é aínda máis complexa no rural galego. Galicia é maioritariamente rural: a maior parte dos seus 313 concellos teñen menos de 10.000 habitantes, con milleiros de núcleos dispersos nos que os servizos e as infraestruturas non chegan con igual intensidade. A isto súmanse as limitacións derivadas da protección do patrimonio histórico-artístico e as restricións en zonas de costa ou dominio público hidráulico, que na práctica case nunca contemplan a accesibilidade como motivo de interese público. O Código Técnico da Edificación só esixe criterios de accesibilidade universal nas novas construcións, polo que o parque residencial existente, especialmente o rural e o histórico, queda fóra de calquera obriga de adaptación.

“Aínda que as axudas para mellorar a accesibilidade poden cubrir ata o 100 % do custe das obras no caso de persoas con discapacidade, a súa concesión non sempre responde ás necesidades reais", apunta Álvaro García quen engade que "é fundamental que se outorguen con criterios económicos e sociais claros, priorizando as situacións de maior vulnerabilidade e a urxencia das actuacións, para garantir que quen non ten recursos poida acceder a estas melloras e desenvolver unha vida autónoma acorde ás súas necesidades.”, apunta Álvaro García.

Dende COGAMI reclamamos un compromiso firme das administracións públicas para facer cumprir a normativa vixente e incorporar a accesibilidade como criterio prioritario nas políticas de vivenda. É imprescindible garantir que todas as novas construcións sexan accesibles, habilitar axudas suficientes para adaptacións, eliminar as trabas administrativas que impiden a adxudicación efectiva de vivendas protexidas accesibles, e promover incentivos que favorezan un parque inmobiliario inclusivo que chegue tamén ao rural.

Garantir vivendas accesibles non é un privilexio. É unha cuestión de dereitos.

Galería de imaxes

Todas