Lecer estival, un dereito para todas as persoas?

Coa chegada do verán, son moitas as familias que recorren aos campamentos urbanos para compaxinar a vida laboral e persoal, un recurso necesario para toda a sociedade. Pero, que pasa coas nenas e nenos con discapacidade? Poden acceder ás mesmas actividades e oportunidades de lecer que o resto das súas compañeiras e compañeiros? Dispoñen dos apoios necesarios para participar, relacionarse, divertirse...? Xogan en igualdade de condicións?

A día de hoxe, continúan existindo campamentos de verán que non reúnen as condicións necesarias para garantir a participación de todas as nenas e nenos. A falta de persoal de apoio, de accesibilidade física e comunicativa ou de actividades adaptadas, limitan o acceso de moitas crianzas a espazos de convivencia e diversión compartida.

COGAMI recibe cada ano solicitudes de información, asesoramento, orientación e denuncias das familias das nenas e nenos con discapacidade que atopan barreiras á hora de inscribir as súas fillas e fillos en actividades de lecer estival. En moitos casos, as crianzas non poden participar en igualdade de condicións debido á ausencia de apoios adecuados, á falta de formación do persoal monitor en atención á discapacidade ou porque as instalacións e actividades non están adaptadas ás súas necesidades.

Todas as administracións, tanto a nivel local como provincial, autonómico e estatal, deben promover e garantir as condicións axeitadas que dean resposta ás necesidades das nenas e nenos con discapacidade, como por exemplo no deseño das actividades de lecer, formación do persoal, implementación e avaliación dos campamentos promovidos polos concellos para garantir a súa participación.

A Xunta de Galicia ofrece prazas específicas para persoas con discapacidade de entre 11 e 50 anos en instalacións accesibles como o Albergue Xuvenil de Gandarío e as Residencias de Tempo Libre de Panxón e do Carballiño. Un total de 250 prazas distribuídas en diferentes quendas entre mediados de xullo e mediados de setembro, con estancias de dez días.

Aínda que esta iniciativa supón un recurso valioso, non dá resposta ás necesidades das crianzas menores de 11 anos nin ás familias que apostan por un modelo de lecer inclusivo, no que nenas e nenos con e sen discapacidade compartan espazos, experiencias e actividades en igualdade de oportunidades.

“Cada vez que unha nena ou neno ve limitado o seu acceso a un campamento de verán pola súa discapacidade, estase producindo unha situación de discriminación e unha vulneración dos dereitos recollidos na Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade”, sinala Marta Núñez, profesional da área Xurídica de COGAMI. “É necesario adoptar todas as medidas que garantan que as nenas e nenos con discapacidade poidan acceder aos campamentos e a calquera outra actividade de lecer en igualdade de condicións co resto da infancia. O lecer inclusivo non debe ser unha excepción, senón unha realidade accesible para todas as persoas”, conclúe.

O lecer inclusivo tamén pasa polas praias

Se para moitas familias atopar un campamento inclusivo continúa sendo un reto, o acceso a outros espazos de lecer propios do verán, como as praias, tamén segue presentando importantes barreiras para moitas persoas con discapacidade.

"Vamos a la playa, oh,oh,oh". Esta é unha das cancións que adoita vir á mente cando comeza a tempada estival, especialmente entre as xeracións máis veteranas. Sen embargo, o que para milleiros de persoas é unha actividade tan sinxela como achegarse ao mar e gozar dunha xornada de praia, para outras convértese nun auténtico desafío.

As persoas con mobilidade reducida non só teñen que consultar a previsión meteorolóxica ou o estado do mar antes de saír da casa. Tamén precisan comprobar se a praia conta con accesos adaptados, zonas de sombra accesibles, prazas de estacionamento reservadas, aseos adaptados, duchas accesibles ou produtos de apoio como as cadeiras anfibias. En moitos casos, a ausencia destes recursos tradúcese nunha limitación real para poder acceder e gozar do areal en igualdade de condicións.

“Imaxinamos por un momento atopar un sinal que nos prohibise o paso á praia? Esa é a sensación que experimentan con frecuencia as persoas usuarias de cadeira de rodas ou de muletas cando chegan a un areal sen as condicións mínimas de accesibilidade”, explica Diego Piñeiro, especialista en Accesibilidade de COGAMI. “Se non existen pasarelas adaptadas ou cadeiras anfibias, o acceso á praia e ao baño queda, na práctica, vetado”.

Nos últimos anos déronse pasos importantes para mellorar esta situación. “En Galicia estanse a implantar zonas de sombra accesibles en praias de municipios como Baiona, Viveiro ou Porto do Son, que se suman ás xa existentes en concellos como Carballo e Sanxenxo. Trátase dunha medida que leva anos funcionando con éxito en diferentes puntos das illas Canarias e da costa mediterránea”, destaca Piñeiro.

Estas áreas permiten que as persoas con mobilidade reducida poidan permanecer protexidas da exposición directa ao sol, ao tempo que dispoñen dun acceso cómodo e seguro mediante itinerarios accesibles conectados cos paseos marítimos. Con todo, dende COGAMI insisten en que a accesibilidade das praias debe entenderse de maneira integral. “Non abonda con instalar unha pasarela ou unha cadeira anfibia. É preciso garantir toda a cadea de accesibilidade, desde o transporte público e as prazas de estacionamento reservadas ata os servizos de apoio, os aseos, as duchas e os percorridos adaptados”, engade Diego.

Porque o dereito ao lecer non debería depender das capacidades de cada persoa nin da súa idade. Tanto nos campamentos de verán como nas praias, a inclusión debe ser unha realidade que permita a todas as persoas participar, compartir e gozar do seu tempo libre en igualdade de oportunidades.

 

Galería de imaxes

Todas