Un total de 51 centros de educación primaria e secundaria de A Coruña, Lugo, Vigo e Ourense participaron durante este primeiro semestre do ano no programa ‘Promoción da Educación Inclusiva de Soporte á Atención ao Alumnado con Necesidades Específicas por Motivos da súa Discapacidade’.
A través deste proxecto COGAMI pretende formar sobre a discapacidade ou no ámbito das tecnoloxías tanto a profesorado como tamén ao alumnado, e para isto desenvolve actividades de sensibilización. Durante este ano participaron 232 docentes en formacións e/ou sensibilizacións mentres que o número de alumnas e alumnos ascendeu a 1.115 participantes en actividades de sensibilización en igualdade e diversidade, obradoiros de accesibilidade a través de xincanas inclusivas, en charlas de prevención de lesión medular e tamén realizando serigrafías con papel reciclado.
Este proxecto que realiza COGAMI en Galicia faise a través de COCEMFE (Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica) e é financiado a través dos fondos do 0,7% do IRPF que chegan cando as persoas contribuíntes marcan o recadro de Actividades de Interese Social cando fan a declaración da renda.
As temáticas das formacións impartidas polas tres profesionais que levan a cabo este proxecto son sobre Diversidade afectiva-sexual e de xénero, Dinamización de patios de recreo inclusivos, Boccia e outros deportes adaptados ademais de sobre Produtos de apoio para as Actividades da Vida Diaria e acceso ás TICs.
A través deste proxecto constituíuse unha rede de titores tecnolóxicos de apoio ao profesorado destinados á atención do alumnado con necesidades específicas por motivo da súa discapacidade. A finalidade é a de promover as melloras na aprendizaxe e previr o fracaso ou abandono escolar en ciclos formativos obrigatorios e non obrigatorios, e isto conseguirase coa introdución de metodoloxías y tecnoloxías inclusivas nos centros educativos que favorezan a autonomía persoal do alumnado.
Este programa conta con titoras e titores que teñen por misión motivar, sensibilizar, acompañar, informar e formar no uso das tecnoloxías inclusivas ao profesorado que conta nas aulas con estudantes que requiren este tipo de soporte.