Un programa de emprego de COGAMI e Fundación Vodafone España logra a inserción de cen persoas
  • Novas
  • 04 de febrero de 2019

Un programa de emprego de COGAMI e Fundación Vodafone España logra a inserción de cen persoas


Participaron 150 persoas con discapacidade ou incapacidade laboral,  desempregadas, a metade mulleres, sendo residentes en rural alo menos o 30% de participantes.

Un total de 101 persoas con discapacidade conseguen inserirse laboralmente tras participar no programa de inserción `INCLÚE + CAPACIDADE´, un proxecto que apoia a Fundación Vodafone España para potenciar o uso das TIC na inserción sociolaboral. Este proxecto utiliza as novas tecnoloxías para darlle un uso favorable a aquelas persoas que están buscando emprego.

O programa finalizou en decembro cuns resultados que superaron as expectativas marcadas polo Servizo de Orientación e Intermediación Laboral de COGAMI (SIL) con respecto ao número de insercións. Dende o SIL tiñan como obxectivo alcanzar un 51% de ocupación laboral das 150 persoas participantes no programa. Finalmente, inseríronse o 67% das persoas participantes: 20 en A Coruña, 13 en Ferrol, 10 en Lugo, 10 en Ourense, 11 en Pontevedra, 17 en Santiago e 20 en Vigo.

Perfís de persoas integrantes no programa

Todas as persoas seleccionadas para formar parte en `INCLÚE + CAPACIDADE´ compartían perfís similares: ter certificado de discapacidade ou incapacidade laboral recoñecida para o desenvolvemento da profesión habitual, carecer dun contrato laboral durante os seis meses anteriores á execución do programa, contar con maiores dificultades de inserción por vivir no rural, por ter formación básica e por ser muller (de aí que a metade de participantes deste programa sexan mulleres).

Segundo o lugar de procedencia, 24 dos participantes son A Coruña, 23 de Santiago Compostela, 18 de Ferrol, 15 de Lugo, 18 de Ourense, 23 de Pontevedra e 29 son de Vigo.

O programa `INCLÚE + CAPACIDADE´

Sete orientadores laborais, situados nas oficinas que COGAMI ten nas principais cidades galegas encargáronse de valorar e avaliar as competencias de cada unha das persoas participantes no programa e a súa motivación. Tralas entrevistas personalizadas, trazaron un itinerario o máis axustado posible aos intereses de cada unha das persoas de cara á inserción laboral.

`INCLÚE + CAPACIDADE´ ademais de asesoramento, ofreceu información, formación e capacitación nas TIC baseado en soportes, equipamentos, tecnoloxías e software adaptados, co propósito de facilitar a súa comprensión para a busca de emprego e, finalmente, poder acceder ao mercado laboral. Tras realizar unha análise das necesidades máis demandadas, o SIL  impartiu cursos de formación para a busca de emprego, talleres grupais presenciais para informar dende as tendencias do mercado laboral, lexislación laboral, prestacións e subsidios de desemprego ata como realizar un curriculum ou como afrontar unha entrevista de traballo. En total realizáronse 16 obradoiros de busca activa de emprego, de competencias e habilidades.

Os orientadores laborais xestionaron tamén a realización de prácticas non laborais en empresas a 36 persoas que tiveron a oportunidade de coñecer a realidade laboral nun centro de traballo. Tamén dende COGAMI se asesorou na gravación dun curriculum 2.0 ou audiovisual, dende como preparar o guión ata a presentación da gravación.

Parte importante dentro do programa é tamén a acción de visitar empresas para realizar labores de sensibilización cara á discapacidade, informar sobre bonificacións e incentivos que hai na contratación dunha persoa con discapacidade e para xestionar ofertas de emprego. Visitáronse 269 empresas novas, fíxose seguimento a 546 empresas coas que xa se mantiña o contacto. Tras realizar estas xestións co empresariado galego, finalmente abríronse un total 602 ofertas de emprego.