Tres persoas usuarias e unha técnica do proxecto RUMBO, que desenvolve COGAMI co obxectivo de retrasar a institucionalización das persoas con discapacidade e promover que permanezan o máximo tempo posible na súa casa, participaron nun encontro europeo organizado polo CITIC da Universidade da Coruña.
Baixo o lema Tecnoloxía ao servizo da inclusión, durante tres días reuníronse equipos de traballo para desenvolver solucións innovadoras destinadas a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade. Entre os retos abordados destacaron a creación de dispositivos e ferramentas adaptadas, como adaptacións para persoas usuarias de cadeiras de rodas, un abrelatas multifuncional para o manexo cun só brazo, e solucións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade.
O evento, organizado polo CITIC da Universidade da Coruña co apoio da Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), contou coa participación de entidades locais como foi COGAMI e ASPACE Coruña e tamén europeas chegadas de Lituania, Bélxica e Eslovaquia. Organizadas en equipos, todas as persoas participantes abordaron desafíos prácticos relacionados coas necesidades diarias das persoas con discapacidade. Estes retos, inclúen a creación de ferramentas e dispositivos que promovan a independencia e a inclusión, como adaptacións para persoas usuarias de cadeiras de rodas, un abrelatas multifuncional que poida manexarse cun só brazo e solucións tecnolóxicas que melloren a accesibilidade.