Creamos contornas laborais nas que as persoas con discapacidade poden desenvolver o seu proxecto de vida a través dun emprego. Como Grupo promovido por COGAMI, acompañamos a cada persoa para que poida participar activamente na sociedade, achegando o seu talento en contornas laborais competitivas e inclusivas.

As persoas que forman parte do Grupo desenvolven a súa actividade en Centros Especiais de Emprego de Iniciativa Social (CEEIS), impulsados por COGAMI —Confederación Galega de Persoas con Discapacidade—, unha entidade social sen ánimo de lucro que traballa pola defensa de dereitos e a inclusión plena das persoas con discapacidade.

O 85 % das persoas que forman o noso equipo humano teñen algún tipo de discapacidade, atopando no emprego unha ferramenta clave para a súa autonomía, benestar persoal e participación social.

 

Quen somos

Somos persoas que traballan con persoas. Desenvolvemos a nosa actividade dende unha filosofía baseada no respecto, a inclusión e o compromiso social, entendendo o emprego como parte fundamental do proxecto vital de cada quen.

A través do noso modelo empresarial xeramos oportunidades reais de participación laboral, contribuíndo ao desenvolvemento económico e social dos territorios nos que vivimos e traballamos.

 

A persoa no centro

Cada persoa é única, con capacidades, intereses e obxectivos propios. Por iso, o noso modelo baséase na Atención Integral Centrada na Persoa (AICP), promovendo contornas laborais nas que se escoita, se respecta e se acompaña a cada persoa no seu percorrido profesional e vital.

Fomentamos unha cultura organizacional que coida tanto o benestar laboral como persoal, favorecendo a participación, a toma de decisións e o desenvolvemento das competencias de todas as persoas que forman parte do Grupo.

 

Un proxecto compartido: eficiencia, sostibilidade e valor social

Eficiencia


As persoas desenvolven o seu traballo en organizacións eficientes e competitivas, nas que os procesos de mellora continua permiten ofrecer respostas axeitadas ás necesidades da clientela e asegurar a estabilidade laboral.

Sostibilidade


O noso compromiso coa contorna forma parte do compromiso coas persoas. Traballamos para reducir o impacto ambiental da nosa actividade, incorporando prácticas responsables que coidan do medio no que vivimos.

Valor social


O emprego inclusivo xera impacto positivo nas persoas, nas súas familias e na comunidade. A través das alianzas e iniciativas que impulsamos, contribuímos a unha sociedade máis xusta, diversa e cohesionada.

 

As empresas do Grupo

Cada empresa representa unha oportunidade para que as persoas poidan desenvolver o seu talento e avanzar no seu proxecto de vida a través do emprego. A continuación preséntanse as distintas empresas que forman parte deste compromiso compartido.