Queremos unha accesibilidade universal e traballamos a diario pola eliminación das barreiras arquitectónicas e pola construción dun mundo accesible.

O nivel de discapacidade dunha persoa moitas veces está directamente relacionado co nivel de  accesibilidade do espazo onde estuda, onde traballa, onde se divirte onde vive. A posibilidade de movemento, percepción, comprensión e interacción determina o nivel de autonomía persoal, da autoestima, do desenvolvemento de obxectivos persoais.

Dende o ano 2003, a área de Accesibilidade presta asesoramento sobre lexislación, axudas técnicas, ergonomía e mellora da accesibilidade seguindo os principios do deseño universal.

Realizamos actividades de consultoría, de asesoramento, formamos e elaboramos proxectos de mellora da accesibilidade e supresión das barreiras, pretendemos incrementar a ergonomía, transitabilidade e usabilidade dos espazos e servizos co fin de mellorar a autonomía das persoas con discapacidade.

Entre os servizos que prestamos en materia de accesibilidade, están:

- Asesoramento especializado.

- Proxectos para adaptación da vivenda e o posto de traballo.

- Plans de accesibilidade para as Administracións Públicas, entidades públicas ou privadas, dirixido a contornas urbanas, monumentais, industriais, deportivos, de edificación...

- Asesoramento e seguimento durante o proceso de construcción orientado a profesionais da arquitectura e á construcción.

- Peritaxe. Información técnica para valorar o grao de accesibilidade e as opcións de adaptación existentes tendo en conta os axustes razoables contemplados no RDL 1/2013.

- Asesoramento sobre medios técnicos e/ou tecnolóxicos dispoñibles no mercado para previr, mitigar ou neutralizar posibles limitacións derivadas da discapacidade.

Tamén podes contactar con este servizo no teléfono 981 574 698 - 986 487 925 ou no correo accesibilidade@cogami.gal

  Folleto con máis información sobre accesibilidade.

 

TURISMO ACCESIBLE E ACREDITACIÓN

Un dos proxectos de accesibilidade no que traballamos é de Turismo Accesible. COGAMI, xuntos con Equalitas Vitae, promovemos o turismo accesible e inclusivo en Galicia a través do desenvolvemento de plans de accesibilidade no sector turístico galego.

Dende COGAMI realizaranse estudos para diagnosticar as condicións de accesibilidade nos aloxamentos e na oferta turística e cultural con propostas de mellora nos casos de que existan carencias nesta materia.

Equalitas Vitae promocionará os destinos que cumpran cos requisitos de accesibilidade establecidos tanto na páxina web www.equalitasvitae.com que é portal líder na promoción do turismo accesible en fala hispana como na APP Turismo Accesible, disponible en versión Android e IOS.