Comezo de curso

A XANELA OFRECE PLANS TERAPÉUTICOS INDIVIDUALIZADOS

A Xanela, asociación de discapacitados activos das Pontes, comeza o vindeiro dous de outubro un novo curso e, dentro do seu servizo de Terapia Ocupacional, ofertará plans terapéuticos individualizados, adaptados ás necesidades de cada un dos seus usuarios.

Estes plans de intervención terapéutica individualizados están encamiñados a potenciar a autonomía e autoestima das persoas beneficiarias. O equipo técnico, formado por unha terapeuta ocupacional e unha educadora social, tras realizar unha entrevista persoal coa persoa beneficiaria e a súa familia e coñecer polo miúdo á problemática, deseña un plan específico para cada usuario, acorde coa súa discapacidade orientado a mellorar súa saúde tanto física como mental, emocional, social e cognitiva e a potenciar a súa calidade de vida dun xeito global.

Entre as actividades que porá en A Xanela, no marco dos plan terapéuticos individualizados, destaca un programa de estimulación cognitiva destinado a estimular e manter a atención, percepción,orientación espacial, memoria e linguaxe das persoas que sofren diversidade funcional. A estimulación sensorial terá tamén un papel destacado dentro da programación ofertada pola asociación para procurar que os usuarios realicen actividades da vida cotiá con maior facilidade. Un programa de autonomía persoal, outro de psicomotricidade e mantemento físico xunto cun obradoiro de musicoterapia sumánse a oferta terapéutica de A Xanela.

Vida activa e lecer

Os plans terapéuticos individualizados complétanse con outras actividades destinadas a fomentar a vida activa, o exercicio o tempo de lecer e unha axeitada integración social. Clases de pilates e hidroterapia coas que as persoas beneficiarias poderán manter a súa a mobilidade, mellorar o equilibrio, a coordinación corporal e reducir dores. Obradoiros de bolillos e de ganchelo axudarán aos usuarios a manter a capacidade funcional nos movementos, a estimular a súa creatividade e a mellorar as súas relacións persoais. Tamén están programadas, para os venres polas tardes, distintas actividades de lecer e saídas para fomentar a diversión e o disfrute do tempo de ocio e procurar una adecuada integración das persoas con diversidade funcional en todos os eidos da vida social.

Obradoiros para todos os públicos

Como novidade, A Xanela pon en marcha tres obradoiros, abertos para todos os públicos. Os mércores, pola tarde, impartirase un curso de miyuki, unha técnica xaponesa para confeccionar bixutería. Un obradoiro de memoria no que se traballará a estimulación da atención, da concentración e da memoria. A oferta remata cun obradoiro de ganchelo e coiro que será impartido, os sábados pola tarde, por Coralín Colorado, taller de creación de artesanía de As Pontes.