O vindeiro sábado 4 de novembro levarase a cabo o obradoiro mensual de pintura da asociación AS.PA.NE.MI (Asociación de Pais de Nenos con Minusvalía) de 17:00 a 20:00 horas no local 3 do Local Social da Solaina, en Narón.
Os nenos e nenas que asistan poderán desfrutar dunha festa de disfraces na que se farán actividades totalmente lúdicas baseadas na realización de diferentes actividades plásticas relacionadas co Samaín, como son a elaboración de broches de cabazas e colgantes de morcegos ou a recreación dun esqueleto. Logo, participarán en diferentes dinámicas e xogos de grupo. Ó rematar, reporán forzas cunha merenda temática.
Lembrar que esta actividade está dentro do programa de “Respiro familiar”; é dicir, que serve para dar un tempo libre a pais, nais e familiares dos nenos e nenas mentres que estes pasan un bo rato nun espazo plenamente inclusivo; posto que non só se oferta ó colectivo no que se centra a actividade da citada asociación, senón que está aberto a calquera neno e/ou nena da contorna que queira asistir.