A Asociación Viguesa de Esclerosis Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) celebra por oitavo ano consecutivo en Vigo a campaña solidaria 'Mójate pola Esclerosis Múltiple', acuñada en Galicia como 'Móllate'. A cita terá lugar o vindeiro domingo 6 de xullo e, como novidade este ano, a campaña trasládase ao barrio vigués de Bouzas, onde está situada a sede da asociación. O paseo marítimo acollerá así, de maneira exclusiva en toda a comunidade galega, esta campaña de sensibilización social que ten por obxectivo achegar á sociedade unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 3.700 persoas en Galicia e arredor de 55.000 en España.
Nesta nova edición do 'Móllate', pacientes e familiares de AVEMPO estarán informando sobre a campaña e animando á participación social ao longo do día. A asociación instalará unha carpa co merchandising exclusivo da campaña e material da propia entidade no paseo marítimo de Bouzas. Tódolos fondos recadados destinaranse ó mantemento dos servicios que AVEMPO ofrece na súa sede ás persoas afectadas pola enfermidade e os seus familiares.
Ao longo de todo o día, AVEMPO celebrará distintas actividades para todas as idades. Entre outras, a asociación instalará este ano a súa xa tradicional ruleta solidaria con premios para os que participen co seu donativo. Durante a xornada celebrarase tamén unha clase gratuíta de zumba (17.00hrs.) na explana situada fronte á Igrexa de San Miguel de Bouzas. A oitava edición do 'Móllate' contará ademais con actuacións musicais, cos concertos solidarios de The Freebillies (11.30hrs.) e de Marcha Atrás (18.00hrs.).
A asociación substitúe este ano os seus tradicionais chapuzóns solidarios pola Esclerose Múltiple por unha cadea humana na praia de Bouzas (12.30hrs.), na que animan a sumarse a todos os bañistas na orilla do areal. Acto seguido, ás 13.00hrs., terá lugar un gran mangueirazo solidario na explanada fronte á igrexa, onde se espera que os Bombeiros de Vigo mollen a golpe de mangueira a todas as persoas presentes en solidariedade coa Esclerose Múltiple.
Pola tarde, ás 16.30hrs.AVEMPO convoca unha batalla de auga tamén na explanada, para a que anima a toda a xente a asistir ao acto con cubos e pistolas de auga para mollar ás persoas participantes.
En paralelo, AVEMPO habilitou unha páxina web para informar sobre o 'Móllate', o programa de actividades e cómo sumarse á campaña, na que as persoas interesadas poderán colaborar coa asociación coa adquisición de merchandising, facendo un donativo ou inscribíndose como socias da entidade.