AVEMPO celebra a quinta edición da campaña solidaria ‘Móllate’ pola Esclerose Múltiple na praia de Samil

A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (AVEMPO) celebra por quinto ano consecutivo en Vigo a campaña solidaria ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’, acuñada en Galicia como ‘Móllate’. O vindeiro domingo 10 de xullo a praia de Samil acollerá, de maneira exclusiva en toda a comunidade galega, esta campaña de sensibilización social que ten por obxectivo achegar á sociedade unha enfermidade neurolóxica que afecta a máis de 3.700 persoas en Galicia e ao redor de 55.000 en España.

Nesta nova edición do ‘Móllate’ pacientes, familiares e profesionais de AVEMPO estarán a informar sobre a campaña e animando á participación social ao longo do día. A asociación instalará unha carpa co merchandising exclusivo da campaña e material da propia entidade xunto á piscina ‘Samil San Remo’. Todos os fondos recadados destinaranse ao mantemento dos servizos que AVEMPO ofrece na súa sede ás persoas afectadas pola enfermidade e os seus familiares.

Ao longo de todo o día, AVEMPO celebrará distintas actividades lúdicas na piscina para todas as idades. A asociación convoca tamén os xa tradicionais chapuzóns solidarios pola Esclerose Múltiple. O primeiro terá lugar ás 13:00h. na praia e o segundo ás 18:30h. na piscina. Persoas afectadas de Esclerose Múltiple, familiares e profesionais de AVEMPO realizarán un chapuzón solidario e animarán aos bañistas para sumarse á causa.

En paralelo, AVEMPO habilitou unha páxina web (https://avempo.org/mollate/) para informar sobre o ‘Móllate’, as actividades e como sumarse á campaña, na que as persoas interesadas poderán colaborar coa asociación coa adquisición de merchandising, facendo un donativo ou inscribíndose como socias da entidade. Ademais, quen o desexe pode sumarse de forma virtual á campaña compartindo o seu chapuzón solidario a través das redes sociais cos hashtags #Móllate2022 e #Mójate2022.

Desde que se iniciou a campaña en 1994 en Cataluña, cada ano celébrase o ‘Mójate por la Esclerosis Múltiple’ ao longo de toda a xeografía española. Este ano, a iniciativa terá lugar en máis de 900 praias e piscinas de todo o país, nas que se prevé que se mollen máis de 100.000 persoas e participen ao redor de 3.000 voluntarios nesta acción solidaria para visibilizar a Esclerose Múltiple.