AVEMPO organiza a andaina CaminEMos pola esclerose múltiple en Vigo

Desde o pasado 30 de maio, Día Mundial da Esclerose Múltiple, e ata o mes de outubro, as entidades membro de AEDEM-COCEMFE adheridas á campaña “Caminemos por la esclerosis múltiple” atópanse realizando unha etapa a pé ou simbólica pola esclerose múltiple ao longo de toda a xeografía española.

Así, a campaña aterra en Vigo o vindeiro sábado 17 de setembro da man de AVEMPO (Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra), que realizará dous percorridos na cidade para concienciar sobre a esclerose múltiple. A etapa sairá ás 11:00 horas do parque de Castrelos, que será o punto de saída e de chegada do percorrido. O encontro dos e as participantes terá lugar ás 10:45 horas fronte ao parque infantil de Castrelos, situado á beira do acceso en vehículo a Castrelos, por Rúa do Prado Lanuxe.

O roteiro máis curto, de 1 quilómetro, realizarase dentro do propio parque, nun percorrido circular. O tramo máis longo, de 4 quilómetros, será realizado nun tramo do Parque de Castrelos e parte do roteiro do río Lagares, cun percorrido de ida e volta ata a ponte romana que se atopa no roteiro.


AVEMPO súmase a esta campaña cos obxectivos de sensibilizar á opinión pública sobre as necesidades específicas das persoas afectadas, visibilizar o traballo que AVEMPO realiza en Vigo e fomentar na sociedade o espírito solidario e a empatía, entre outros.

“Caminemos por la esclerosis múltiple” pretende percorrer 12 comunidades, 30 provincias, 47 localidades e centos de quilómetros, cun mesmo propósito: que as persoas afectadas fagan camiño xuntas pola esclerose múltiple. A campaña culminará no outono en Santiago de Compostela como punto de chegada. 

"Caminemos por la esclerosis múltiple” é posible grazas ao patrocinio da Comunidad de Madrid, a Xunta de Galicia, a Junta de Andalucía, Bristol Myers Squibb, Janssen, Roche, Sanofi, Merck e á colaboración do Concello de Santiago.

Toda a actualidade desta campaña pode ser seguida a través da súa web https://caminemosporlaem.org/, nas súas redes sociais Facebook e Instagram, e co hashtag #caminemosporlaem.